jueves, 16 de junio de 2011

Estou contigo

Supoño que todo tería sido diferente se aos dezaseis anos non decidise achegarme a ti.Non se trata de saber exactamente por que senón de recordar que un día descubrín que non podía seguir vivindo sen estar contigo.
Era como se te vise en todas partes e ao mesmo tempo estabas tan lonxe…E iso que sempre estiveches aí,realmente,ao alcance da man,como esperándome.E só tiven que dar un paso.
Ao principio era estraño algunhas veces.Aínda que hoxe descubro en ti cousas novas todos os días,daquela coñecíate pouco.
Lembras cando aquela profe de inglés me dixo que non eras unha boa compañía?Ou cando meu pai puxo aquela cara de pensar preocupado “Pois parece que isto vai en serio”?
Nin sequera podo imaxinar como tería sido eu se non decidise que ti formarías parte da miña vida.Tampouco se trata de se tería sido mellor ou peor senón de que sería sinxelamente diferente e é precisamente iso o que me resulta difícil de imaxinar:vivir sin ti.
O que teño claro é que se decidín facelo foi porque me parecías interesante, porque contigo me sentía ben,porque me facías descubrir cousas,porque confiaba en ti e me dabas confianza e sabía que ti sentías o mesmo por min.E porque cando me dei conta souben que xa non era posíbel vivir sen estarmos xuntos.Que nos necesitabamos.
É curioso.Lembro come se sorprendía a xente que me coñecía cando comezou a vernos xuntos.Sorprendíanse porque estaba contigo,como se estivese facendo algo inesperado ou estraño.Ou prohibido.Parecían non comprendelo.
Non te coñecían o suficiente.Aínda que sempre lles gustaches máis ou menos,non confiaban en ti.Con ela non vas chegar a ningún lado,decían.
Pouco a pouco foron acostumándose e cambiando de opinión a medida que viron que o noso ía para adiante.Demostrámoslles que se equivocaban e iso estivo ben.
Así que a miña vida correu por ese camiño contigo e foime ben e mal  como a todo o mundo que ten sombra e respira:acabar os estudos,o paro,o primeiro traballo e,en fin, o resto das cousas que vivimos xuntos sabendo que o noso era para sempre.
Quería reflexionar un pouco sobre todo isto e recordar que decidir vivir contigo foi unhas das mellores eleccións da miña vida.
Quería dicircho sinceramente:Cambiaches a miña vida e déboche tantas cousas…
Quería dicirche Grazas.
E quería dicirche que estou contigo,miña lingua.


MADE IN GALIZA,Séchu Sende




viernes, 10 de junio de 2011

Oración polos parvos



Señor Dios ten piedá dos probes parvos
que non sabemos ren de xeometría
i embobados na música celeste
esquecemos a fórmula
do binomio de Newton.
Imos andando a trancas e barrancas
adeprendendo as cousas tristemente
por iste mundo adiante que fixeches
en sete días só, según os libros.
Eu son un pouco parvo, ben comprendo.
Nunca poiden saber para qué sirven
moitas cousas escuras que consintes.
Humildemente quixen preguntar
preguntas pequeniñas coma seixos
sobre os grilos que cantan incansábeles
e os amores dos peixes,
pero sempre chegaban unhos homes
carregados de textos
e mazacotes grises sapientísimos,
con datas rigurosas, datos certos,
horríbelmente certos, abafantes.
Mais ninguén me decía dos paxaros,
dos cávados, das froles, e desas nubes
que pousaches, Señor, sobre o meu teito.
Perdóanos, Señor, tanta parveza
e tén piedade de nós, dos probes parvos
que andamos os camiños das estrelas
cos ollos alcendidos
na bebedeira tépeda das fábulas.
E cando chegue a hora do Xuicio
á túa veira lévanos cos nenos,
cos santos inocentes, cos velliños,
e déixanos seguir ollando ao ceo,
modelando no vento doces sonos,
como Ti fas, Señor, dende o Principio.



Celso Emilio Ferreiro,O soño sulagado



Busca sin ser visto...